Cátedra AECC-UDC Exercicio Contra o Cancro
O 24 de setembro de 20204, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) lanzou oficialmente a Cátedra AECC-UDC Exercicio Contra o Cancro, en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) coincidindo co Día internacional da Investigación Oncolóxica.
O proxecto 'Cátedra AECC-UDC Exercicio Contra o Cancro', coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña (UDC) Manuel Giráldez, conseguiu a 'Axuda a Cátedras da Asociación Española contra o Cancro (AECC) 2024', unha das dez que outorga (de máis de 70 candidaturas).
No acto de presentación, celebrado na sede coruñesa de Afundación, participaron, ademais, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o presidente e o vicepresidente da AECC na provincia da Coruña, Manuel Aguilar e Carlos Lamora, respectivamente; e a presidenta do comité técnico da asociación na provincia e xefa do Servizo de Oncoloxía do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), Rosario García Campelo.
O proxecto, que busca crear unha Rede de Exercicio Contra o Cancro para mellorar a atención a pacientes oncolóxicos en diferentes provincias españolas, ten como obxectivo fomentar a actividade física en pacientes con cancro e os seus familiares, contribuíndo a mellorar o seu benestar e calidade de vida.

O proxecto desenvolverase durante tres anos e centrarase en humanizar a atención ás persoas con cancro, facendo fincapé nos beneficios preventivos e terapéuticos do exercicio físico. Manuel Giráldez destacou que o exercicio é unha ferramenta segura e eficaz que pode mellorar a tolerancia aos tratamentos e aumentar a supervivencia, ademais de proporcionar unha maior calidade de vida tanto aos pacientes como ás súas familias.
O presidente provincial da AECC na Coruña, Manuel Aguilar, subliñou a importancia desta axuda para xerar coñecemento científico que impacte positivamente na vida dos pacientes. Tamén recalcou o papel crucial dos 700.000 socios e voluntarios que fan posible este tipo de iniciativas.
"Nós sabemos moito de exercicio e, en colaboración cos servizos sanitarios, varios grupos de investigación da universidade e a propia asociación, o que imos facer é trasladar todo iso á sociedade para que as persoas con cancro e as súas familias poidan realizar un exercicio adecuado, eficaz e seguro que lles axude a mellorar moito a súa saúde", manifestou o profesor Giráldez.
Respecto diso, Gómez Caamaño recalcou que "algo tan sinxelo e tan barato" como é o ejericio físico "pode impactar tanto na cantidade e calidade de vida dos pacientes con cancro". Apuntou tamén a esta enfermidade como unha "prioridade" para a Consellería, cun gran "impacto sociosanitario", coa cal a Xunta ten un "compromiso transversal" que "esixe moitos recursos". "Temos moitos retos importantes", sinalou para citar "a figura do longo sobrevivente, que desborda a todos os servizos de oncoloxía". Ademais, insistiu na necesidade de "investigar, principal motor de xeración de coñecemento".
O proxecto contará coa colaboración de profesionais sanitarios e académicos, fomentando a transferencia de coñecemento científico á sociedade. Ademais de programas presenciais na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, desenvolveranse sesións de exercicio telemático para que os pacientes poidan realizar actividade física desde os seus fogares, eliminando barreiras xeográficas.
Espérase que a iniciativa eduque aos pacientes oncolóxicos sobre os beneficios do exercicio, rompendo mitos sobre o repouso excesivo e ensinándolles como realizar actividade física de maneira segura. Tamén se ofrecerá formación a profesionais sanitarios para que poidan recomendar pautas de exercicio aos seus pacientes.
A Rede de Exercicio Contra o Cancro será unha plataforma crave na que se proporcionará información verificada sobre a práctica do exercicio para pacientes oncolóxicos. Ademais, este proxecto forma parte dunha convocatoria máis ampla de dez cátedras (de máis de 70 candidaturas) en distintas provincias, cun orzamento total de preto de 1,4 millóns de euros.
O obxectivo final é mellorar a calidade de vida dos pacientes e os seus familiares antes, durante e despois dos tratamentos, mediante unha atención integral e humanizada na que se involucre a toda a comunidade universitaria e sanitaria. Axúdalas Cátedras AECC, outorgadas por primeira vez, reforzan os servizos de atención ao paciente que xa ofrece a Asociación, como apoio psicolóxico, fisioterapia oncolóxica e nutrición, ampliando o seu alcance mediante a colaboración con universidades e centros de saúde en todo o país.
Año de creación 20204
Entidad colaboradora:
Director/a: Manuel Giráldez
Página web:
